(en proceso de edición por Pedro Barreda 2011-2012)
Páxina editada 32 veces. Última modificación: May 14, 2012 4:06 am GMT por - pedrobarreda pedrobarreda

Literatura na rede


A aparición e difusión das novas tecnoloxías nestes últimos anos, e máis concretamente da Internet trouxo consigo un amplo abano de novas posibilidades no campo da produción literaria.
Unha das principais vantaxes da literatura na rede é o acurtamento de distancias entre lector e escritor, e a posibilidade de interacción entre ambos. É tamén destacábel a expansión dos horizontes literarios: a literatura non se limita ao texto, senón que pode extenderse a novos soportes que inclúen, por exemplo, audio, vídeo e imaxes.
Á hora de falar de literatura na rede poderíamos facer una primeira clasificación entre aquela que toma como formato a lingua escrita, e aquela creada sobre soportes audiovisuais. Dentro dese primeiro grupo distinguimos, así mesmo, algunhas variedades:
-Literatura que, a pesar de ser publicada na Internet e de cumprir certas peculiaridades como a interacción, segue unha estrutura liñal e podería ser plasmada sen maiores dificultades sobre un soporte analóxico: blogues, wikiliteratura, publicacións na rede en formato PDF etc.
-Aquela que debido ás súas características sería moi difícil de trasladar dun formato dixital: narrativa hipertextual (nalgúns casos os blogues forman parte desta tamén desta clasificación)
Ademais disto, cabe mencionar tamén o amplo número de espazos virtuais adicados non só á publicación de obras literarias, senón tamén a ofrecernos información tanto sobre elas como sobre os seus autores, como é o caso da páxina proxecto le, que nos ofrece unha gran perspectiva e abundante información sobre este mundo da literatura na rede, con entrevistas, artigos, reportaxes sobre eventos relacionados co campo e unha actualización frecuente.
É tamén interesante mencionar o blogue de Jara Calles, doutora en filosofía e licenciada en literatura, quen realizou unha tese doutoral sobre o tema que tratamos (pode ser descargada aquí), e que contou cun gran recoñecemento académico.

Cae destacar o congreso levado a cabo pola Universidade de Valencia en marzo do 2012, coa participación de expertos de universidades dos Estados Unidos e de toda España, baixo o título de "Conferencia Internacional sobre Relato Digital", no que se levaron a cabo diversas actividades relacionadas co noso tema, tentando amosar ao mundo as posibilidades destes novos xeitos de narrar, co estandarte da modernización do antigo arte de contar historias. Aquí podemos ver tamén un vídeo dun membro desta mesma universidade, falándonos igualmente do relato dixital, cunha visión moi positiva desta nova forma de literatura.
Para máis información sobre o tema recomendamos a lectura deste artigo d' El País, que trata bastante extensamente o tema.


Literatura non hipertextual


O blogue


O “fenómeno blogue” é un termo relativamente novo, tendo en conta tamén a curta idade do medio de comunicación por autonomasia deste século: Internet. Trátase dunha páxina web onde hai mensaxes ou publicacións ordenadas cronoloxicamente escritas por unha ou varias persoas –webloggers- sobre un tema particular a xeito de diario online, e onde ademais os visitantes poden deixar comentarios.
Dada a sinxeleza do seu manexo e mantemento, os blogues teñen acadado unha gran difusión nestes últimos anos, e os primeiros estudos realizados sobre esta nova fórmula de comunicación estiman que nun ano e medio o seu número triplicarase, e que crean unha tupida rede social que reforza os lazos de identidade, e que evidencian un cambio da mentalidade social.
Ademais disto, boa parte dos blogues en galego (agrupados no blogomillo) conteñen temáticas relativas ao ámbito cultural e, en moitos casos, parecen prolongar intereses e actividades anteriores de moitos dos seus editores. Non é casual que un 50% das bitácoras incorporen contidos de creación literaria ou literatura, activismo social ou política. A presenza doutros contidos, como da investigación científica, ou de ámbitos profesionais non culturais, é menos abundante, pero experimentou unha notable expansión nos últimos tempos.
É moi importante, deste xeito, a incorporación da literatura aos blogues, que moitas veces pasan a se converter no medio de expresión de moitos escritores. En Galicia triunfa este xeito de manifestación da literatura, e chega incluso aos premios literarios. A maior vantaxe de todo isto é a universalización e “democratización” que o blogue aporta á produción literaria: calquera pode ser escritor dun xeito sinxelo e libre, e contando cunha liberdade a nivel de forma e contidos que no caso de publicacións tradicionais se ve condicionada polas preferencias do editor.
Cabe destacar tamén a gran cantidade de autores galegos que a pesar de publicaren de xeito tradicional, contan ademais con blogues persoais editados periodicamente.

Enlaces interesantes:
Cabaret Voltaire
Alfaias
Blog do escritor Francisco Castro I
Blog do escritor Francisco Castro II
Por conto alleo- Camilo Franco (Versión PDF)
Blogaliza (Blogues en galego)


Wikiliteratura


A wikiliteratura, quizais coñecida máis ben como wikinovela, é unha modalidade de literatura directamente relacionada cos wikiespacios. Antes de entrarmos en máis detalles, debe quedar claro o que son estes últimos: Os wikiespacios, ou simplemente wikis, son sitios web cuxas páxinas poden ser editadas por múltiples voluntarios a través do navegador web. Os usuarios poden crear, borrar ou modificar o mesmo texto que comparten. O exemplo máis próximo deste tipo de páxinas é este mesmo sitio, o noso Wiki de Literatura do s.XX.
Tendo en conta isto, é sinxelo deducir que a wikiliteratura trátase, precisamente, de textos literarios escritos en formato wiki. A diferenza coas blogonovelas é radical: o “nós” fronte ao “eu”, a colectividade e participación fronte á individualidade dun único autor.
Aínda tendo en conta a proliferación dos wikis nestes últimos anos (paradigmático é o caso da Wikipedia, que conta xa con máis de dous millóns e medio de artigos en inglés, catrocentos setenta mil en español e corenta e sete mil en galego), o certo é que as wikinovelas non están aínda demasiado estendidas, e non atopamos ningún exemplo delas na nosa lingua.

Enlaces interesantes:
"A million penguins", exemplo de wikinovela en inglés



Poesía visual


É unha forma de poesía experimental na que a imaxe, o elemento plástico, en tódalas súas facetas, técnicas e soportes, predomina sobre o resto dos compoñentes. Esta forma de poesía non verbal constitúe un xénero propio, e no campo da experimentación os seus creadores móvense na fronteira entre xéneros coma a pintura, a música, o teatro, a acción poética e a mesma poesía, dando lugar a diversas formas de poética.
Aínda que non está directamente relacionada á rede, o certo é que unha gran parte desta poesía é creada de xeito dixital (mediante programas de edición de imaxe –o máis coñecido é o Photoshop-) e difundida a través de páxinas coma flickr (sitio web para compartir imaxes), ou mesmamente blogues. Adoita ter un marcado carácter de protesta ou reivindicativo, e soe estar asociada a novas correntes artísticas de carácter innovador.

Enlaces interesantes
Poesía visual de Igor Lugrís
Páxina sobre poesía visual
Corporación semiótica galega, poesía visual



Outras publicacións


Ademais de literatura publicada en formados esencialmente dixitais ou relacionados con Internet, é cada vez maior o número de autores que publican as súas obras na web en formatos clásicos pasados, por exemplo, a PDF, sen que estas teñan ninguna característica concreta que faga imprescindible un ordenador, ou a rede. Simplemente é un xeito de facer que as súas creacións sexan accesíbeis de xeito libre e universal para todo o mundo sen entrar nunha dinámica de intereses editoriais que doutro xeito podería dificultar a súa publicación, ou simplemente non interesa ao autor.
Estas obras soen ser divulgadas a través de páxinas especializadas sobre literatura ou cultura galegas. Algunhas destas páxinas, coma por exemplo A Regueifa Plataforma, admiten, ademais de literatura, outras formas de expresión artística en galego coma música, vídeos etc, baixo licencia Copyleft.
Outras, coma a Biblioteca Virtual Galega, difunden incluso obras xa publicadas de autores falecidos, ademais de engadir breves reseñas bibliográficas sobre os escritores.

Enlaces interesantes:
Poesía na rede
Revista poética en rede Andar21
Biblioteca das Letras Galegas


Literatura hipertextual


Denomínase narrativa hipertextual ou hiperficción ás narracións escritas mediante hipertexto, é dicir, compostas por un conxunto de fragmentos de texto relacionados entre si mediante enlaces. Caracterízanse por non ter un único camiño dirixido polo autor, senón que deixa ao lector a posibilidade de elixir o seu camiño entre varios posibles. En ocasións non teñen sequera un principio definido, e case nunca teñen final.
Aínda que o que propiciou o desenvolvemento deste tipo de literatura nos últimos tempos foi a aparición da Internet, o certo é que podemos situar os seus inicios ao longo do século XX, nun soporte analóxico, sen relación ningunha con este mundo. Durante este tempo, os autores literarios buscan o xeito de romper as limitacións que impoñía a tradición herdada do s.XIX á súa labor creativa. Iso significaba eliminar a voz autorial, multiplicar as perspectivas, romper a sucesión cronolóxica do discurso… e tamén, intentar rematar cos obstáculos que nacen do papel e da literatura en formato de libro. Naceron así obras non liñais ( que se plantexan suprimir a liñalidade) publicadas en papel, especialmente durante a segunda parte do século XX.
Moitos coinciden en establecer a novela “Rayuela” de Julio Cortázar como principio da literatura hipertextual.